CRTVG

Buscar

Navarra, Cataluña e Andalucía aplican máis restricións para atallar os contaxios

Publicado o 13/10/2020 08:24

No resto de España, as cifras da pandemia seguen sendo preocupantes: preto de 28.000 contaxios novos dende o venres e 195 falecementos máis. As comunidades con maior incidencia de casos preparan medidas máis restritivas para frear a onda de contaxios. Navarra, Cataluña e Andalucía poñen hoxe en marcha medidas máis drásticas para conter a curva. 

Nestes momentos, a situación máis crítica de toda España vívese en Navarra, cunha incidencia acumulada que supera os 700 casos por 100.000 habitantes. Hoxe entran en vigor a novas restricións aprobadas na fin de semana polo Goberno foral: reunións limitadas a seis persoas e redución de capacidades en comercios e hostalería. Nas últimas vinte e catro horas, en Navarra rexistráronse 546 positivos.

A situación é alarmante tamén en Cataluña. As autoridades fixeron chamamentos á cidadanía para evitar unha situación crítica nos próximos días e ao longo desta semana o Govern vai adoptar medidas máis drásticas para atallar os contaxios. Non se concretaron esas medidas, pero irán destinadas a reducir a interacción social, segundo adiantou Pere Aragonés, que augurou días difíciles. De momento xa se aprobaron medidas especiais en quince municipios do Vallès occidental.

Tamén a Junta de Andalucía aplica desde hoxe novas restricións sanitarias para frear os contaxios. Medidas que se aplicarán en establecementos de restauración pero tamén en colexios maiores e residencias universitarias, que son os que acumulan máis positivos.

Nas últimas 24 horas rexistrábanse 1.319 novos positivos por PCR na comunidade. Preocupa especialmente a situación en Granada, que nos últimos 14 días rexistrou unha incidencia de 501 casos por cada cen mil habitantes, a máis alta de toda a rexión.

Na comunidade de Madrid, a incidencia acumulada nos últimos 14 días baixou a 501 casos, segundo os datos do Ministerio de Sanidade. Esta tarde volve reunirse o grupo de seguimento das dúas administracións, co ministro Illa e o vicepresidente Aguado, para analizar a situación epidemiolóxica.

Noticias web

13/10/2020