CRTVG

Buscar

Navantia entrega as primeiras pezas do parque eólico mariño do Mar do Norte

Publicado o 05/03/2018 16:36

Navantia Ferrol entregou este luns as catro primeiras estruturas de aeroxeradores dun total de 42 que está a fabricar para o parque eólico mariño do Mar do Norte.

Navantia aspira nos próximos cinco anos a lograr unha carteira de pedidos de 11.000 millóns de euros. Con eles di que se pode manter o nivel actual de ocupación nos centros de Ferrol, Cádiz e Cartaxena. No plan estratéxico para o período 2018/2022 establece como prioridades atender as necesidades da Armada española, coa consolidación do programa de Submarinos S-80, a construción das fragatas F-110 e o Buque de Acción Marítima, amais doutros pedidos menores; avanzar na internacionalización, coa vista posta especialmente en Arabia Saudita e Australia; e incrementar a venda de servizos e novos modelos de negocio, como as reparacións ou o mantemento de flotas, complementando coa actividade civil como é o sector eólico ou a construción de buques.

Navantia tamén quere completar o plan comercial cun de eficiencia operativa e outro de rexuvenecemento do persoal. Outro punto clave nese modelo estratéxico será a transformación a partir da dixitalización dos seus procesos, produtos e modelos de negocio, modernizando as instalacións no que se deu en chamar Estaleiro 4.0.

Desde o comité de empresa de Navantia Ferrol piden celeridade á compañía para iniciar negociacións sobre ese plan estratéxico, para disipar as incertezas e resolver os problemas estruturais que afectan a empresa.

Noticias web

05/03/2018