CRTVG

Buscar

Dirección e sindicatos de Navantia acordan un ERE para 1.706 empregados en España

Publicado o 05/04/2019 08:09

En Ferrol está previsto que se prexubilen este ano 636 traballadores

Navantia acaba de asinar o expediente de regulación de emprego que suporá o despedimento de 1.700 traballadores dos sete centros de traballo da compañía. O ERE afectará todos os operarios que teñan 61 anos ao remate de 2020. O acordo foi ratificado por unanimidade pola dirección do estaleiro público e os representantes dos traballadores.

Segundo o documento, para aplicar estas saídas quedaron acreditadas "causas económicas, organizativas e de produción, que fan necesario subscribir o presente acordo, e que se concretan en perdas recorrentes e un persoal non axustado ás necesidades do negocio". O acordo entre a dirección da empresa pertencente á Sociedade Estatal de Participacións Industriais e os sindicatos sinala que o 30 de abril deste ano 2019 "causarán baixa na empresa todas aquelas persoas que teñan feitos os 61 anos ou máis neste data", mentres que a finais de cada mes, ata o 31 de decembro de 2020, "iranse incorporando progresivamente ao expediente quen faga esa idade".

Por outra banda, un grupo menor de operarios, que non chega ao centenar, concretamente 97, verá atrasada a súa saída nun prazo máximo de seis meses, por "consideralos imprescindibles para levar adiante e terminar traballos e proxectos en curso", reflicte o documento.

Este ERE colectivo afecta traballadores de todos os centros de traballo, repartidos nos tres estaleiros da baía de Cádiz, os dous da ría de Ferrol, o de Cartaxena (Murcia) e os servizos centrais de Madrid. Ademais, segundo este acordo, garántense as cantidades económicas a percibir polos operarios, con complementos achegados pola empresa ata a chegada á idade da xubilación, constituíndose, ademais, entre as partes asinantes deste acordo unha comisión de seguimento. Estes operarios dispoñen de beneficios sociais cos que contan tamén os traballadores en activo.

 

Noticias web

05/04/2019