CRTVG

Buscar

Nadia Calviño subliña o compromiso do Goberno coa economía galega

Publicado o 10/05/2021 10:52

A vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, subliñou o compromiso e apoio do Goberno con Galicia para que participe da recuperación económica.

Antes de ofrecer na Universidade da Coruña a charla 'Perspectivas da economía e plan de recuperación', lembrou que a súa última xuntanza co presidente da Xunta estivo centrada neste asunto. "O Goberno está a seguir moi de preto a situación de Galicia", subliñou.

Segundo Nadia Calviño, explicáronlle a Alberto Núñez Feijóo cales son os "distintos procesos" que se van poñer en marcha e o "grande interese" de que as empresas galegas, grandes e pequenas, "poidan acceder a estes importantes recursos e beneficiarse plenamente desa fase de recuperación".

Sector industrial

Respecto á situación industrial de Galicia, asegurou que "o Goberno de España leva tres anos apoiando decididamente o persoal da industria galega nun proceso de competencia internacional de transformación mundial". "Estivemos moi presentes, falando coas empresas, dialogando cos representantes dos traballadores, para tratar de axudar a atopar as mellores solucións posibles", recalcou.

Ademais, manifestou o compromiso do Executivo de "acompañar o proceso de innovación tecnolóxica" destas empresas e, mentres tanto, apoiar "os procesos de compravenda tratando de evitar peches de fábricas".

Entidades financeiras

Sobre a reestruturación do sector financeiro, valorou a apertura por parte das entidades dun "diálogo construtivo e honesto" coa representación sindical para "minimizar o impacto negativo en termos de destrución de emprego". Neste sentido, subliñou que "non nos podemos permitir perder este capital humano", que é un persoal cualificado.

Inicio da recuperación

A vicepresidenta segunda situou o comezo da recuperación económica en España “na segunda parte do ano”. Ademais, cualificou de “moi ambicioso” o plan presentado en Bruxelas, xa que pretende “modernizar” o país con ata 140.000 millóns de recursos europeos que van chegar ata 2026.

Este proxecto, con máis de duascentas medidas en torno a catro eixos fundamentais (a transformación verde, a transformación dixital, a cohesión territorial e a igualdade de xénero) é “unha oportunidade única para o noso país”, subliñou.

Dende o seu punto de vista, será "un reto" que vai permitir a España "dar un salto cualitativo e construír un futuro mellor para a mocidade". "Todo o que se está facendo é para ela", engadiu, “queremos  europeizar o mercado laboral" e "loitar polo emprego xuvenil".

Calviño asegurou que o país se atopa "nun momento clave", no que deixa atrás "un ano duro" para empezar a "encarar esa recuperación económica" que, na súa opinión, debe ser "o máis intensa posible" e perseguir un "crecemento máis sostible".

Prioridades do Goberno

Nesta liña, apuntou que as prioridades do Goberno son "vacinar" e "seguir loitando contra a pandemia", apoiar o tecido produtivo, manter a estabilidade financeira e poñer en marcha "canto antes" o plan de comunicación "urxente" para España.

Tras o relatorio, a vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital recolleu o premio Fernández Latorre na sede do xornal La Voz de Galicia.