Nadia Calviño di que "non hai ningunha sorpresa" en relación coa presión fiscal
A ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, sinalou hoxe que "non hai novidades" no incremento da presión fiscal para os próximos anos. Asegura que as claves do aumento recadatorio xa figuraban no proxecto de Orzamentos do Estado para este ano, que apuntaban cara á suba de impostos para as rendas altas e as grandes empresas.
O Goberno en funcións de Pedro Sánchez remitíalle esta mesma semana a Bruxelas, despois das eleccións xerais, a actualización do seu Programa de Estabilidade, que inclúe unha suba da presión fiscal por valor de 20.000 millóns en tres anos, entre 2020 e 2022.
Nos últimos días desatábase unha polémica no eido político sobre este tema e hoxe a ministra Nadia Calviño aseguraba que as medidas elevadas á Unión Europea son xa coñecidas: "Non hai ningunha sorpresa, ningunha novidade. Trátase das propostas fiscais que xa puxemos sobre a mesa o ano pasado e que estaban incluídas no proxecto de presupostos xerais do Estado para 2019, que lamentablemente non viu a luz e que. como xa sinalou o presidente Sánchez, volveremos poñer sobre a mesa en canto se constitúa o novo goberno. É dicir, que se trata de medidas coñecidas, de medidas xa aprobadas e de medidas xa anunciadas".
A ministra de Economía en funcións destaca que en España hai marxe para unha maior recadación fiscal, en comparación cos parámetros da Unión Europea, e incide nos impostos ás grandes corporacións: "Se queremos protexer o Estado de benestar e queremos seguir reducindo o déficit público e a débeda pública, teremos que ter un sistema fiscal do século XXI que sexa progresista, que teña unha imposición sobre as actividades dixitais das grandes plataformas e que, polo tanto, garanta que non hai unha competencia desleal ou desigual".