CRTVG

Buscar

Nace no Álvaro Cunqueiro o terceiro bebé galego san dunha nai infectada por coronavirus

Publicado o 07/04/2020 18:17
Nace no Álvaro Cunqueiro o terceiro bebé galego san dunha nai infectada por coronavirus

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi escenario do terceiro nacemento dun bebé galego san, cuxa nai está infectada por coronavirus: trátase dunha nena, nacida por cesárea na semana 34 de xestación, e que está libre da COVID-19.

Segundo informaron fontes sanitarias, a nai chegou ao hospital o pasado domingo, con síntomas respiratorios, e foi sometida á proba do coronavirus, que deu positivo. Á muller practicóuselle unha cesárea de urxencia, e o seu bebé, unha nena chamada Xiana, naceu sen o virus.

Nai e filla atópanse ingresadas no hospital, aínda que separadas, xa que a muller permanece nunha unidade de illamento para pacientes con COVID-19, e a pequena está no servizo de Neonatoloxía, ao tratarse dun bebé prematuro.

Xiana é a terceira galega que nace sa dunha nai infectada por coronavirus. Os dous primeiros bebés que naceron nesas circunstancias tamén o fixeron no Álvaro Cunqueiro de Vigo: o primeiro foi Fabio, que naceu o 17 de marzo, e o segundo foi Lucas, nacido o 19 de marzo. Como no caso de Xiana, estes dous bebés naceron por cesárea, semanas antes do termo da xestación, polo que están ingresados.