CRTVG

Buscar

Nace a polémica Superliga europea de fútbol

Publicado o 19/04/2021 15:42

Levan anos ameazando con deixar a Champions e montar unha Superliga de clubs; son doce equipos dos máis grandes de Europa. Madrid, Barcelona e Atlético, entre eles.

Órdago que ameaza o actual status quo do fútbol europeo e que fai saltar as alarmas na UEFA. O organismo ameaza xa con accións legais contra os 12 club fundadores entre os que, de momento. non están os equipos alemáns ou franceses.

No seu documento fundacional o selecto grupo de equipos que preside Florentino Pérez anuncia que chegou o momento dunha "visión estratéxica e un enfoque comercial para aumentar o valor en beneficio da pirámide do fútbol".

Unha mirada elitista detrás da que tamén se agocha o momento actual dalgúns clubs. O Barcelona ten mil cento cincuenta e catro millóns de euros de débeda e afronta unha das maiores crises financieiras da súa historia.

O Real Madrid non puido permitirse un soa gran fichaxe este pasado verán. A Juventus ten que atopar urxentemente cento quince millóns de euros antes do 30 de xuño e o Inter de Milán bordea a suspensión de pagos despois de non conseguir financiación de emerxencia en febreiro.

É a economía, estúpidos, que se dicía nos Estados Unidos dos anos noventa. Poderoso cabaleiro don diñero que se dixo aquí toda a vida e, velaí, hoxe na bolsa de Milán a Juve subindo a súa cortización un 13%, récord anual tras anunciarsse a Superliga.

Noticias web

19/04/2021