CRTVG

Buscar

Nace a "nova" CaixaBank ao aprobar os seus accionistas a fusión con Bankia

Publicado o 03/12/2020 17:12
Nace a "nova" CaixaBank ao aprobar os seus accionistas a fusión con Bankia

A Xunta de Accionistas de CaixaBank deu hoxe luz verde á fusión por absorción de Bankia, operación que permitirá crear o maior banco de España e que supón a integración número 85 nos 115 anos de historia do grupo de orixe catalá.

A entidade celebrou esta xunta extraordinaria, en que estivo representado o 70,33 % do capital, no Palacio de Congresos de Valencia, o mesmo recinto onde os accionistas de Bankia deron o martes o visto e prace a esta operación de consolidación, que dará lugar á nova CaixaBank, con máis de 20 millóns de clientes, máis de 50.000 empregados e 6.700 sucursais.

Tras a aprobación da operación, avalada polo 99,71 % dos accionistas presentes ou representados,  CaixaBank e Bankia esperarán a recibir a autorización dos reguladores para culminar a fusión, que podería materializarse no primeiro trimestre de 2021, aínda que a integración operativa das dúas entidades executaríase a finais dese ano.

O presidente de CaixaBank, Jordi Gual, cualificou de "histórica" esta xunta e defendeu que Bankia "é o mellor socio" co que avanzar no proceso de concentración bancaria que vive Europa.

Nesta nova onda de reestruturación do sector, CaixaBank quixo anticiparse e "ter un papel protagonista" e, é por iso, que apostou pola fusión con Bankia para gañar escala e mellorar a eficiencia, especialmente no actual contexto de baixos tipos de interese e empeoramento da situación económica pola pandemia.

A nova CaixaBank será o banco líder en España, cun volume de activos superior aos 660.000 millóns e cotas de mercado próximas ao 25 %. A fusión, ademais, permitirá obter sinerxias superiores aos 1.000 millóns de euros anuais: 290 millóns procedentes de maiores ingresos e 770 millóns de aforro de custos.

"Trátase de cifras  alcanzables e razoables e que hai que entender que non se obteñen todas o primeiro ano, senón que se conseguen de maneira progresiva a medida que se producen integracións operativas e se materializan as oportunidades comerciais", indicou o conselleiro delegado de CaixaBank, Gonzalo Gortázar, que manterá este cargo na nova entidade, que presidirá José Ignacio Goirigolzarri, actual presidente de Bankia.

Pero para alcanzar os aforros previstos, indicou Gortázar, será necesaria un investimento en reestruturación por valor duns 2.200 millóns de euros, importe que se rendibilizará "nun prazo relativamente curto", xa que equivale a menos de tres anos dos aforros anuais previstos.

O executivo recoñeceu que un dos apartados "máis críticos" da reestruturación é a de persoal, un tema que se abordará unha vez pechada a fusión legal.

Os antigos accionistas de CaixaBank terán o 74,2 % do capital da nova entidade e os de Bankia, o 25,8 %. Os principais accionistas serán Criteria-Fundación La Caixa, que posuirá o 30 %, e o Estado, a través do FROB, cun 16 %. Os investidores institucionais representarán o 37 %, e o 17 % restante quedará en mans de máis de 750.000 pequenos accionistas.

O novo consello estará composto por un terzo de conselleiros provenientes de Bankia e dous terzos que veñen de CaixaBank.

A sociedade manterá a súa sede social en Valencia, onde actualmente teñen os seus domicilios sociais CaixaBank e Bankia, e existirá unha dobre sede operativa en Barcelona e Madrid