CRTVG

Buscar

'Na mente do asasino' analiza esta noite na TVG o crime do sicario de Verín

Publicado o 01/12/2020 15:19

O programa 'Na mente do asasino' analiza esta noite na Televisión de Galicia o asasinato por encarga dun chofer de autobuses, que no 2011 conmocionou Verín.

A Bernardino Pousa, un veciño de Verín, esperábao un sicario na cocheira de autobuses en que traballaba o domingo 11 de setembro de 2011, cando regresaba dun servizo dende a praia de Samil.

Deulle máis dunha vintena de golpes antes de cortarlle o pescozo e acabar coa súa vida.

"Mataron o meu irmán dunha forma moi violenta, moi violenta", di Germán Pousa, irmán da vítima.

Uns 6.000 euros foi o prezo pactado co sicario, unha cantidade que leva a pensar o barato que pode saír este tipo de crimes.

"Este foi un crime executado por un sicario, algo que parece moi de novela negra ou de ficción, pero neste caso foi totalmente real", conta o xornalista Javier Fraiz.

No xuízo, Lola Álvarez, exmuller da vítima; a súa filla Ángeles; o sicario portugués Ilidio Magalhães e o mozo de Ángeles, Alberto Vázquez, foron condenados a diferentes penas de prisión. Na actualidade, Alberto xa está en liberdade.

"Dixéronme que Alberto xa estaba traballando en Verín, que xa cumprira a condena. Pois moi mal", di Francisco Rodríguez, amigo da vítima.

Noticias web

01/12/2020