CRTVG

Buscar

Na Limia non ven o sol e os mercurios non pasan dos 0ºC

Publicado o 08/01/2021 14:21

A Limia está levando a peor parte desta vaga de frío que mantén en aviso laranxa todo o sur da provincia de Ourense. Levan desde o día antes dos Reis sen ver o sol, a néboa é constante, e as xeadas vanse acumulando unha enriba da outra deixando paisaxes realmente espectaculares. Desde o luns non soben dos cero graos.

Non son as temperaturas máis baixas de Galicia, pero si as paisaxes máis xélidas. Xinzo de Limia leva desde o día de Reis oscilando entre menos cinco e cero. A máxima que rexistraron ultimamente foi de -0,3, o día 6.

"É un sitio onde sae o sol fácil e levamos uns días sen ver o sol, por iso hai estas xeadas tan grandes, cae unha enriba doutra". "Hai moitos anos que non vin as xeadas que caeron estes días", din dous veciños.

A néboa non deixa ver o sol nesta chaira da Limia afeita aos amenceres solleiros e as xeadas vanse acumulando, capa a capa, cristalizando as árbores, as xestas e ata as reixas das casas. Imaxes nunca vistas, din incluso os maiores.

"Nunca, nunca, nunca na vida. É unha cousa fóra de serie. Nos anos que teño, nunca vin unhas xeadas coma estas". "Neve houbo o 20 e algo de decembro, pero agora é xeada, tres días sen abrir o sol e púxose así", comentan dúas persoas.

Un mal inverno para as cegoñas que optaron por non emigrar, arrepiadas de frío nos seus niños conxelados. Camiño de Baltar, o termómetro segue baixando. É día de feira, pero non hai quen pare nos contados postos que se instalaron na rúa.

"Hoxe é mundial. Facía sol á primeira hora, pero agora veu a néboa e non hai quen pare, xa se ve", di un mozo.

Baltar rexistrou a mínima de Galicia, por unhas décimas con respecto a Calvos de Randín. Menos trece graos nunha xornada en que toda a provincia de Ourense amenceu baixo cero.

Noticias web

08/01/2021