CRTVG

Buscar

Comeza a fase 0 da desescalada coas novas medidas de desconfinamento

Publicado o 03/05/2020 23:57

A partir do luns é obrigatorio usar máscara no transporte público. As estacións deben reforzar a sinalización e organizar os espazos de tránsito para evitar amoreamentos.

Na Fase 0, os negocios con superficies menores de 400 metros poden abrir ao público con cita previa, atención individual e horario preferente para maiores de 65 anos. Hai que hixienizar os locais, polo menos, dúas veces ao día e, no caso dos probadores, despois de cada uso.

Os bares e restaurantes comezan a semana coa posibilidade de despachar produtos para levar. Iso si, deben garantir separación de dous metros entre a clientela e asistencia personalizada.

Na Fase 1, que inauguran catro illas, permítense as xuntanzas de ata dez persoas, os mercados co 25 por cento dos postos e o uso de terrazas coa metade de ocupación. Ademais, autorízanse as obras pequenas en vivendas non habitadas e locais pechados.

Tamén pode viaxar nun coche completo xente que comparte domicilio. Mais para avanzar no desconfinamento, as comunidades deben cumprir cunha serie de requisitos tamén publicados este domingo no BOE.

Establécese a provincia como unidade territorial de referencia, pero os gobernos autonómicos poderán suxerir calquera outra que estea xustificada.

Para pasar de fase, teñen que presentar unha proposta ao ministerio de Sanidade e manter, como mínimo, unha xuntanza bilateral. 

Podes consultar o BOE nesta ligazón: https://www.boe.es/boe/dias/2020/05/03/

Noticias web

03/05/2020