CRTVG

Buscar

Na extinción dun incendio en Lugo quedaron feridos un bombeiro e un policía

Publicado o 10/04/2019 15:12

Un bombeiro resultou ferido cando participaba nos labores de extinción dunha casa en Lugo.
O edificio estaba abandonado e utilizábano un grupo de okupas; parece ser que o lume se orixinou cando arderon uns colchóns.

O bombeiro evoluciona favorablemente, pero as consecuencias puideron ser moito máis graves xa que o forxado do edificio se derrubou

Pasaba das tres da tarde deste martes: un incencio alarmaba os veciños de Salvador Madariga, en Lugo.

"Nós chegamos e vimos os bombeiros, sabiamos que vivía xente, creo que ata un bombeiro tivo que recibir asistencia e todo".

Tino Vilas, bombeiro: "Onte recibimos unha chamada, había un incendio na planta baixa, casa con ocupantes ilegais e non sabiamos se había xente dentro". "Puido haber unha desgraza porque se afundiu o chan e quedou colgado por un brazo, non se sabía como estaba aquilo".

O bombeiro xa está dado de alta. Na casa do lado, tamén en ruínas, si habia unha persoa.
Esta mañá, uns albaneis estaban tapiando a entrada dos dous edificios.

"Pois que pasou.... que había uns ocupantes ilegais e prenderon lume a uns colchóns e case arde todo aí dentro... era xente nova? Viñeron pola noite, así non se pode andar pola vida".

"Agora estamos tapiando para que non entren, mandáronnos poñer isto".

Non é a primeira casa ocupada que arde; actuacións deste tipo son frecuentes.

Entre os veciños da cidade hai preocupación polas ocupacións de vivendas baleiras.
No barrio das Gándaras chegou a haber oito casas ocupadas.

Cada domingo maniféstanse esixindo unha modificación da lei que protexa de forma inmediata os lexítimos propietarios das vivendas.

"Ninguén lles fai nada, non hai leis, os políticos tiñan que mirar para isto".

A media mañá os dous edificios estaban completamente tapiados.

Noticias web

10/04/2019