Na Estrada contan con minguas do 30% na colleita de oliva respecto ao ano pasado
O rexurdimento da oliveira en Galicia ten un bo exemplo na Estrada, un concello que xunta 15 produtores e unhas dez hectáreas de cultivo.
Agora que as olivas están listas para recoller, imos ata alí para saber como se deu a campaña este ano.
Polo que están vendo os produtores, a cousa non vai ir moi ben en quilos. Contan recoller uns 40.000, arredor dun 30% menos que o ano pasado.
Juan Carlos Mosquera, presidente da asociación de produtores Apag-A Estrada, conta que "cando foi a floración choveu, fallou moita flor e estamos vendo que dentro das mesmas leiras hai árbores que teñen boa produción e outras non teñen nada, así que diminuíu a cantidade de quilos de oliva".
No lado positivo, a oliva está sa e a calidade é boa. E para mellorala aínda máis, recóllena en verde.
"Se está moi madura vaiche render máis litros, pero a calidade non vai ser a mesma que a recollida en verde ou empezando a madurar. Gañamos en calidade, baixamos a acidez do produto e temos máis aromas, máis intenso todo", explica Juan Carlos Mosquera.
Carlos é un dos dous produtores da Estrada que procesa a colleita para elaborar un aceite propio. Este será o terceiro ano que envase, e afirma que a demanda vai a máis no mercado.
"O ano pasado fixen 480 litros, e hoxe deben de quedarme como 10 ou 15. As perspectivas son de ir a máis", di Mosquera.
Aínda non hai dez anos que produtores coma el decidiron volverlle a vida a un cultivo que se perdera na zona.
Di que empezaron con mal pé, porque puxeran plantas demasiado pequenas e demasiado xuntas, así que agora están corrixindo as bases para garantirlle un futuro á oliveira na zona.
A primeira condición, apostar polas variedades do país.
"A brava, a mansa ou outras cinco máis que xa están consolidadas, eu tiro por iso, por un produto autóctono, para non ter que competir con ninguén, e que ademais dá moi bos resultados en catas", explica o presidente da asociación de produtores Apag-A Estrada.
Para poñer en valor esas diferenzas crearon un selo propio, pero seguen na loita por unha denominación de orixe que protexa o futuro do aceite galego no mercado.