CRTVG

Buscar

Veciños das Conchiñas quéixanse das terrazas que invaden as beirarrúas

Publicado o 29/04/2019 14:10

Veciños das Conchiñas, na Coruña, amosan o seu malestar polas terrazas que invaden a vía pública e mesmo as beirarrúas, dificultándolles o paso. Piden que os hostaleiros que non cumpran a normativa sexan castigados con multas.

Invaden en exceso as beirarúas e tamén a vía pública. Isto é o que manifestan veciños do barrio coruñés das Conchiñas cando falan das terrazas. "Non podemos nin pasar tranquilamente". "Eu cada vez que paso tírolles unha cadeira e despois outra co carriño da compra".

Contan que as mesas exteriores dalgúns locais de hostalería amolan non só as persoas, senón tamén os vehículos de reparto e os que van aos garaxes.

"É que os coches tampouco poden pasar, están todas as mesas polo medio...".

Cren que unha solución a este problema pasa por sancionar os hostaleiros que incumpran a normativa.

"Que lles poñan unha boa multa, xa verás como así non poñen tantas mesas".

Pola súa banda, os hostaleiros conscientes da polémica din que pagan polas súas terrazas e que respectan o espazo que lles conceden.

"Entendemos que molesten, pero nós pagamos e son moitos os que se benefician delas porque veñen tomar o sol, toman algo...".

"Eu tamén pago os meus impostos. Eles sacan beneficios, pero eu que saco?".

Malia todo, hai veciños que están conformes con boa parte das terrazas porque din que son riqueza para o barrio.

Noticias web

29/04/2019