CRTVG

Buscar

Na Coruña hai dous cribados poboacionais en marcha e outros tres previstos a continuación

Publicado o 10/04/2021 14:20

 "Na Coruña hai nestes momentos dous cribados poboacionais en marcha e tres máis xa previstos. Todos, entre veciños de 20 a 40 anos. O máis grande desenvólvese aquí, ao carón do centro de saúde do Ventorrillo", informa María Rodríguez.

A estas probas de detección precoz do virus están convocadas 8.014 persoas adscritas a este centro de saúde. O proceso comezou o martes e durará unha semana. "Normalmente vén máis xente polas tardes que polas mañás, pola xente que traballa, pero están a vir arredor de 300 por quenda", explica Andrea Arias, unha enfermeira do equipo.

Atopamos varios convocados que pasaran por cribados aleatorios anteriormente e que animaban a xente a participar. "Mentres antes teñamos todos conciencia do virus e fagamos o control necesario, antes diminúe", opina unha moza. "Eu encantado, todo o que se poida facer para acabar con isto, mellor. Xa fixen cinco ou seis", apunta un rapaz.

Cando acabe este cribado farase tamén aquí outro entre máis de 6.000 veciños do barrio dos Mallos e está pendente de data un máis para 3.700 usuarios do centro de saúde de Labañou.
 "O virus prexudícanos a todos e hai que acabar con el antes que nada", subliña outro veciño.
Paralelamente, o CHUAC acolle esta semana outra cata masiva, á que foron chamados máis de 3.500 residentes no Castrillón. E o luns seguiranlles preto de 4.600 veciños de Matogrande.

Noticias web

10/04/2021