Myriam Garabito: "O esforzo contra a pandemia está deixando atrás moitos outros traballos necesarios"
• Campaña de captación de fondos de Unicef para a vacinación infantil
• A presidenta desta ONG en Galicia pide políticas públicas que beneficien os máis vulnerables
A CRTVG únese a Unicef na Semana Universal do Neno. A presidenta de Unicef Galicia, Myriam Garabito, expícanos os detalles da campaña desta organización destinada a captar fondos para desenvolver accións de vacinación infantil no mundo co nome Pequenas Solucións.
Unicef quere facer unha chamada de atención á sociedade sobre a importancia de manter e incrementar as campañas de vacinación a nenos e nenas de todo o mundo, especialmente nos países máis desfavorecidos.
E é que, tal e como explica Garabito, "coa atención que se lle está prestando á covid-19 poden quedar interrompidas todas as accións que temos en marcha".
"Doenzas que están matando moitos nenos, como a pneumonía, a polio, o sarampelo, teñen unha solución eficaz e barata como son as vacinas", insiste.
"Estamos buscando coma tolos unha vacina para a covid-19 cando temos outras que xa sabemos que salvan 3 millóns de vidas ao ano", engade. "Como imos deixar de facelo?" pregúntase.
A ese respecto, a presidenta de Unicef Galicia pon de relevo que "cando se poñen recursos acúrtanse prazos, e iso estase vendo coa covid-19", pero ese esforzo contra esta pandemia "oculta e deixa atrás moitos outros traballos necesarios".
O impacto da pandemia na infancia
Unicef ten feito un "traballo previo para que cando haxa vacina a súa distribución sexa equitativa, e niso Unicef é líder porque somos o maior distribuidor mundial de vacinas; temos unha infraestrutura que nos permitirá distribuíla o máis rapidamente posible".
A actual situación, aínda que se nota especialmente nos países máis vulnerables, tamén ten incidencia en España e en Galicia, segundo Myriam Garabito.
"O impacto do coronavirus na infancia xa foi e vai ser brutal, sobre todo naqueles que xa estaban nunha situación de vulnerabilidade antes da pandemia".
Di que está "moi preocupada pola crise económica que se achega". Nese sentido, cre que "a pobreza infantil que hai neste país é relativa, pero inflúe".
Ademais, apunta que "en educación hai unha fenda dixital incrible que fai que os nenos con menos recursos non poidan seguir coa súa educación".
Pon o acento tamén sobre "os nenos que sofren violencia nas súas casas, que están agora mesmo máis desprotexidos".
Por iso, desde Unicef píde que "no novo calendario que marca o Goberno para a reconstrución económica hai que levar adiante políticas públicas que impacten en quen realmente o necesita".
A campaña de Unicef chámase pequeñassoluciones.es e cada quen pode doar o que considere.