CRTVG

Buscar

Muxía e Melide teñen unha taxa de incidencia da covid por riba de mil

Publicado o 26/08/2021 21:02

A Costa da Morte podería estar pagando epidemioloxicamente os efectos dunha das súas mellores temporadas turísticas en moito tempo.

"Para min, sobre todo este mes, foi o melloriño que houbo nunca. Xullo tamén foi bo, pero como agosto non".

Quen fala é un hostaleiro de Muxía, o concello con maior incidencia da covid da súa área sanitaria: 1.175 casos por cen mil habitantes.

Está en nivel alto de restricións e non no máximo que lle correspondería porque os gromos xa están acoutados e os casos reducíndose.

"Parece que se está estabilizando esa curva e que empeza a baixar", asegura o alcalde de Muxía, Iago Toba.

Na Galicia interior seleccionamos Melide. Unha semana en que se suman 81 casos disparou a incidencia por riba de mil. Non hai consenso sobre se foi culpa dos peregrinos ou da relaxación das medidas polas festas de San Roque. Dúas rapazas din que houbo bastante desfasamento de xente nova na longa fin de semana festiva. Outros melidenses quéixanse de que a maioría dos peregrinos atravesan a vila sen levar máscara.

O comité clínico considerou que a pesar de ter taxas de nivel máximo o nivel alto de restricións pode ser, de momento, suficiente para conter a transmisión do virus en Melide.

Noticias web

26/08/2021