CRTVG

Buscar

Multitudinario e emocionado adeus da clase política a Alfredo Pérez Rubalcaba

Publicado o 11/05/2019 22:05

Último e emocionado adeus do Partido Socialista e de toda a clase política a Pérez Rubalcaba.

No Salón dos Pasos Perdidos, sentados xunto a Pedro Sánchez, os ministros en funcións do Goberno socialista... e a presidenta do Congreso, Ana Pastor.

Durante toda a mañá os líderes territoriais do PSOE visitaban a capela ardente... especialmente emocionados Susana Díaz, Ximo Puig e Miquel Iceta...

Pouco antes da unha da tarde, o primeiro ministro portugués, o socialista António Costa, chegaba ao Congreso dos Deputados para darlle o pésame a familia e achegados.

Costa expresou a súa "admiración" e a "gratitude" ao que fora ministro do Interior e vicepresidente do Goberno.

"Sínto agora moita saudade por Alfredo e gratitude pola súa obra e o seu traballo", dixo António Costa, Primeiro ministro de Portugal.

Tamén podiamos ver hoxe na capela ardente políticos do PP, coma Juan Ignacio Zoido... Tamén acudía o líder de Ciudadanos, Albert Rivera... e a número dous de Podemos, Irene Montero.

Máis de 8.000 persoas visitaban a capela ardente, que pechaba ás dúas da tarde. Moitos cidadáns anónimos esperaron fóra do Congreso a saída do féretro. Facíao pola Porta dos Leóns, que só abre nas grandes ocasións. Policías e gardas civís portaron o féretro ata o coche fúnebre. Entre aplausos, que se prolongaron durante varios minutos, e mensaxes de ánimo á viúva e ao presidente do Goberno en funcións, despediron o que moitos dos seus compañeiros cualificaron de "político brillante".

Noticias web

11/05/2019