CRTVG

Buscar

Multiplícanse por cinco os positivos por covid-19 en Verín

Publicado o 27/04/2021 14:20

No concello ourensán de Verín, a evolución dos últimos días fai saltar as alarmas: os positivos multiplicáronse por cinco en apenas unha semana. Están agora mesmo en 23 casos activos, fronte aos 5 que había o pasado 18 de abril.

De cinco en cinco subiron os casos ultimamente en Verín e sen conexión directa duns con outros. Teñen en común que se rebaixou a idade de contaxio, polo que os veciños apuntan a un relaxamento das medidas de seguridade na vida social.

"Destes que din: a min non me toca! e xúntanse, bailan, cantan...". "Aínda hai moito abandono, sobre todo por parte da xuventude. Non son conscientes do mal que o estamos pasando os maiores", comentan dous veciños.

Carmen e José Mari veñen de se vacinaren. Din que non hai tanta preocupación como na anterior onda porque os maiores xa están protexidos.

"Máis seguro, está un máis seguro". "Que se vacinen, que iso non é nada, como a picada dunha roseira", din.

Verín está no nivel medio de restricións. A situación complicouse, pero dista moito da que se viviu na terceira onda, tanto en número de casos como en presión hospitalaria. Só hai dúas persoas ingresadas no hospital de Verín.

"Non vexo tan complicada a cousa. A xente está respectando bastante ben as normas". "Agora, polo menos, podes camiñar por aí, e iso xa é unha relaxación", comentan dous veciños.

O sábado haberá un cribado para 3.000 maiores de dezaseis anos, ata 74, na procura dalgunha pauta de transmisión para frear a expansión do virus.

Noticias web

27/04/2021