CRTVG

Buscar

Multiplícanse os abandonos de gatos en Santiago e as protectoras non dan feito

Publicado o 21/08/2020 14:42

É o último ingreso, desta mesma mañá, no refuxio de animais de Santiago. Unha cría abandonada na beiravía que, se non fose recollida axiña, morrería en poucas horas. Coma ela, outros moitos gatos, tanto crías como adultos, están chegando nos últimos meses aquí e ás colonias da rúa xestionadas por asociacións cívicas, que xa non dan abasto.

Marcos Castro, colaborador de Abeiro, explica que nos catro últimos meses se multiplicou o número de animais abandonados, algo que corrobora Olalla García, directora do Refuxio de Animais de Santiago, que explica que de tres anos para aquí o número habitual de gatos nas instalacións pasou de ser medio cento a uns 120. "Nos últimos tres meses estamos tendo 160", indica.

A irresponsabilidade dalgúns fai que os animais se reproduzan sen control e acaben, no mellor dos casos, nestas instalacións. En distintas zonas da cidade hai colonias xestionadas por asociacións que se queixan de que hai quen abandona os animais ás portas das gateiras, na rúa, sabendo que alguén se vai facer cargo deles.

Efectivamente, os voluntarios dos barrios manteñen limpas estas colonias e alimentan os gatos diariamente. Fano de forma altruísta e sacando do seu propio peto os cartos para a alimentación. Pero están saturados, por iso apelan á axuda cidadá.

"Temos un pequeno banco de alimentos ao que a xente pode vir traer ou buscar comida, e calquera persoa que dispoña de alimentación pode achegala e nós darémosllela aos gatos das colonias".

Olalla García gaba o labor de asociacións amigas dos animais. "Están facendo un gran labor e nótase moitísimo en Compostela", di. "Os gatos que chegan ao refuxio non son gatos de colonia, son gatos chegados de casas, que a xente moitas veces mesmo abandona nas colonias, ou déixaos nos colectores do lixo ou na rúa directamente", engade Olalla.

No refuxio aseguran que cada vez hai máis adopcións de gatos. No que levamos de ano xa van 115, case as mesmas que durante todo o ano pasado.

"A xente cada vez adopta máis gatos, pero non nos dá tempo a celebralo, porque por cada gato adoptado chegan ao refuxio dous ou tres", explica a directora.

Por iso lembran que é imprescindible esterilizalos e responsabilizarse deles para toda a súa vida. Nas colonias ferais entidades como Abeiro, Micos de Barrio ou Argo avogan pola regra CES: capturar, esterilizar e soltar.


 

Noticias web

21/08/2020