Multas de 1.500 € a vendedores da praza de Santiago por atraso no pagamento dos postos
Varios comerciantes da praza de abastos de Santiago recibiron nas últimas horas notificacións de multas de 1.500 euros. É a sanción prevista polo regulamento do mercado cando se deixa de pagar o canon durante máis dun trimestre.
Beatriz ten un posto de aceites e di que hai días en que non abre a caixa. Teme perder o negocio e unha subvención do Concello: "Na miña situación, isto é devastador, porque contaba con poder arranxar durante os próximos meses de verán e ao facerme isto posiblemente acabe tendo que pechar o meu negocio. Que non sei en que se beneficia a praza pechando negocios".
Montserrat acaba de estar confinada e coa familia contaxiada. Recoñece que lle resulta complicado atender os pagamentos e que deixou de aboar o canon do posto en decembro: "En vez de darnos uns prazos ou axuda, a única opción que ve é unha sanción de 1.500 euros, nada menos, que non pagamos non porque non queiramos, é que non podemos. As vendas baixaron un montón e isto é totalmente inxusto".
Outros sancionados teñen postos de restauración. Autónomos con traballadores en ERTE, deixaron de pagar un trimestre co primeiro estado de alarma o ano pasado. Piden máis empatía ante a complicada situación en que están os negocios, cun mercado medio baleiro. Unha cooperativa de comerciantes xestiona a praza de abastos de Santiago. Segundo a xerencia, todos os afectados coñecían os estatutos e que se lles ía abrir un expediente.