Fotos perigosas e con multa nas canteiras de Atios, no Porriño
As canteiras de Atios, no Porriño, súmanse a un deses lugares con encanto, pero ao tempo perigosos, que están sendo o obxectivo de bañistas e de instagramers.
O Concello do Porriño encargaralle ao seu enxeñeiro de minas un estudo para coñecer a situación desta canteira en Atios e confirmar os perigos que se poden dar se se omite a prohibición a bañistas e curiosos de atravesar estas pedras.
É a foto ideal deste verán. Nas canteiras de granito de Atios, no Porriño, hai unha que se está convertendo en atractivo para os bañistas e para os amantes das redes sociais. Os perigos que presenta, anunciados nas propias pedras e dos que se fai caso omiso, fan que o Concello e a Policía Local estean valorando tomar medidas.
Algúns taxistas do centro do Porriño confirman que levaron, sobre todo, xente nova ata este punto de Atios, porque os accesos son algo complicados.
O Concello encargou un estudo dos perigos que se poden dar nesta canteira ao enxeñeiro de minas que colabora coa Administración local. Ao longo desta semana, cando se dean a coñecer os resultados, tomaranse medidas contra as persoas que accedan a este lugar que se converteu en idílico para bañarse ou tomar unha foto e colgala ao momento nas redes sociais.