Mozos de 24 e de 27 anos e que ían en quad e en moto, as últimas vítimas nas estradas galegas
Un fallo mecánico ou o exceso de velocidade poderían estar detrás do accidente que lle custou a vida a un mozo de 24 anos na Illa de Arousa. Eran arredor das catro da mañá cando moitos veciños oíron un vehículo que circulaba a gran velocidade. Inmediatamente escoitouse un forte estrondo e berros.
Os equipos de emerxencias desprazados á zona xa non puideron facer nada por salvar a vida de Adrián, un mozo mariñeiro que pertencía a unha familia moi coñecida da Illa de Arousa.
Tampouco tivo sorte un motorista de 27 anos que faleceu este domingo nun accidente rexistrado no concello de Dumbría.
A súa moto bateu contra un coche en que viaxaban tres persoas que quedaron feridas leves. O pai do falecido foi testemuña do suceso. Circulaba xusto detrás del, noutra moto.