CRTVG

Buscar

Mos, A Pobra e Culleredo acolleron este sábado cribados masivos para buscar asintomáticos

Publicado o 22/05/2021 21:03

O cribado no IES de Mos rematou cunha participación alta. O Sergas convocara ás probas 720 persoas, entre alumnos, profesores e dirección, tras detectar 22 positivos no instituto, que ten dúas aulas pechadas.

Un gromo que deixou o concello, que en total contabiliza 55 casos activos, na peor situación dos da área sanitaria de Vigo.
Os responsables sanitarios non desbotan facer tamén un cribado global no concello, que xa está no nivel alto de restricións. A alcaldesa pedía prudencia para non ir a peor.

É unha das arredor de 2.000 persoas citadas ao peneirado organizado na Pobra do Caramiñal. Este concello pasou tamén ao nivel alto de restricións, con máis de trinta veciños contaxiados nas dúas últimas semanas. "Este cribado está dirixido a xente de entre 20 e 40 anos, porque se está vendo que o incremento de casos estase dando nesa franxa de idade", explica Isabel Dieste, subdirectora de enfermería da Barbanza.
É a segunda busca de asintomáticos que se fai na Pobra esta semana. Previamente houbo outra para traballadores da hostalería.

Tamén se buscan asintomáticos en Culleredo, nun cribado que se estenderá ata mañá. Hai 4.300 convocados, de entre 20 e 36 anos. Culleredo está no nivel medio baixo de restricións pero os positivos están aumentando. O Sergas ten rexistrados 32 casos activos de covid-19, 23 deles detectados na última semana.

Noticias web

22/05/2021