CRTVG

Buscar

Morren uns 13.000 pitos nunha granxa do Páramo debido aos continuos cortes da luz

Publicado o 16/03/2021 14:01

Unha granxa de pitos foi o negocio máis prexudicado polos continuos cortes de luz no Páramo. Debido á falta de ventilación, morreron asfixiados uns 13.000 polos listos para abandonar a explotación, polo que as perdas son cuantiosas. As interrupcións na subministración eléctrica tamén afectan aos veciños e a outras empresas, que durante períodos de entre dúas e cinco horas tiveron que deixar de dar servizo.

"Os cortes son continuos. Estannos afectando na facturación porque non se pode pesar a froita nin cortar os embutidos. E houbo días en que foron repetidos". "Fatal, porque xa se me foron varias clientas sen atender. O sábado foron catro ou cinco, e outro día igual. Botamos máis de dúas e de tres horas sen luz". "Por veces, córtase, paran os robots de muxir, que despois hainos que volver acender. É un encordio", comentan varios profesionais afectados.

A compañía eléctrica achácalles os cortes da luz ás cegoñas. Din que a última interrupción se debeu á caída dun niño, unha explicación que non acaba de convencer os usuarios.

"Comentan que pode ser das cegoñas, pero non creo. Puido haber un corte hai uns anos, que lle tiraran o niño e o volveu facer, pero un corte deses arránxase e non se produce día tras día". "Claramente, eu non creo que polas cegoñas pase iso", sinalan varios veciños.

Os cortes da luz tamén afectaron o funcionamento da Casa do Concello, do centro de Saúde ou do comedor escolar.

Noticias web

16/03/2021