Recuperan os cadáveres das tres vítimas no incendio da nave de Badalona
Badalona viviu un inferno esta noite. Hai polo menos tres mortos e dúas persoas máis en situación crítica, todos vítimas dun incendio nunha nave industrial en que vivían como okupas máis de cen persoas. As lapas sorprenderon a moitos durmindo, nun incendio que deixa imaxes terribles, con ducias de persoas intentando fuxir do lume como podían, mesmo saltando polas fiestras ou intentando chegar ata as terrazas. Hai polo menos vinte de feridos, moitos graves, e non desbotan atopar máis vítimas entre os cascallos do edificio.
O lume comezou arredor das nove da noite e as lapas propagáronse con rapidez. Os bombeiros traballaron ata a madrugada nos labores de extinción do voraz incendio. Polo menos tres persoas perderon a vida e moitas outras quedaron feridas por queimaduras e contusións. Non se descarta que a cifra de falecidos sexa maior, pero a situación non permite de momento entrar nos restos da nave industrial xa que a estrutura podería ceder.
Tamén complica a situación a barreira idiomática. A maioría dos ocupas son de orixe centroafricana. Mesmo non se dá concretado cantas persoas podería haber no interior da nave no momento do incendio. Fálase de ata 150.
Aínda non hai unha hipótese concreta da orixe do incendio. Fálase dun curtocircuíto, pero tamén que puido estar nunha discusión entre os ocupantes ilegais e unha candea caída por accidente.