CRTVG

Buscar

Morren nove escolares e dous adultos no tiroteo rexistrado nun colexio ruso

Publicado o 11/05/2021 10:49
Morren nove escolares e dous adultos no tiroteo rexistrado nun colexio ruso

Polo menos once persoas, incluídas nove menores, morreron no tiroteo rexistrado nunha escola da cidade rusa de Kazán. Segundo informaron fontes dos servizos de emerxencia citadas por axencias rusas, tamén quedaron feridas outras trinta e dúas. 

No ataque ao colexio 175 de Kazán, capital da república rusa de Tatarstán, de maioría musulmá, participaron dous atacantes. De acordo coa axencia TASS, a Policía detivo un deles e acabou coa vida do outro, tras bloquear unha das plantas do edificio para acurralalo.

O arrestado ten 19 anos e a súa arma estaba rexistrada, segundo o presidente de Tartarstán,  Rustam Minnijánov, que se desprazou ao lugar. "Hoxe ocorreu unha gran traxedia para a nosa república e o noso  país", dixo en declaracións á canle de televisión Rossía-24.

No momento do suceso había 714 nenos na escola e uns 70 membros do persoal, dos que 52 eran docentes. 

Efectivos da garda nacional de Rusia rodearon as instalacións, a onde chegaron unha vintena de ambulancias. Imaxes publicadas nas redes sociais amosan alumnado fuxindo da escola. A maioría, foi evacuado a un xardín infantil veciño.

O Concello de Kazán ordenou reforzar a seguridade en todos os establecementos educativos da cidade. O fiscal, Ildus  Nafikov, tamén se atopa no lugar. O Ministerio do Interior indicou que se organizou unha operación antiterrorista na zona.

Noticias web

11/05/2021