Repunta de casos activos en Galicia (+212) e dúas novas vítimas mortais
• Un deles faleceu no centro intervido agora pola Xunta e o outro, no hospital | Galicia rexistra 1.995 casos activos tras outra suba récord (+212) | Nunca tantas probas PCR se fixeran nun só día: 4.200
• A área de Lugo rexistra a maior suba de casos activos (+84)
Morren dous homes contaxiados no gromo da residencia do Incio de 93 e 77 anos, que tiñan patoloxías previas. Un xa estaba ingresado e faleceu no hospital; o outro, na propia residencia. A cifra de mortos por covid-19 en Galicia é de 628.
ÚLTIMA HORA | Morren dous usuarios da residencia do Incio e a área de Lugo rexistra a maior suba de casos activos (+84).
— G24 (@G24Noticias) August 21, 2020
Ampliamos información en https://t.co/u0tlyl5oYQ pic.twitter.com/a8N142yi4h
Lugo consolídase como a segunda área máis afectada
En Galicia rexistrouse unha importante suba de casos activos (+212), ata os 1.995, unha suba que non se vivía dende comezos de abril. Os novos casos activos concéntranse maioritariamente nas áreas sanitarias de Lugo e da Coruña, que son tamén agora mesmo as dúas máis afectadas.
A situación resumida por áreas:
- A Coruña: 1.114 (+69)
- Lugo: 254 (+84)
- Ourense: 179 (+22)
- Pontevedra: 85 (+5)
- Vigo: 144 (+3)
- Santiago: 130 (+17)
- Ferrol: 89 (+12)
Gromos relacionados
A situación vivida no Incio xerou incerteza entre familiares dos residentes e veciños. Precisamente unha das coidadoras da residencia do Incio está relacionada tamén co foco declarado nun edificio de Monforte, onde a cifra de positivos tamén aumentou a 40 e seguen facéndolles probas aos seus contactos.
En Sarria hai dous gromos con 9 persoas infectadas.
Na área sanitaria de Ourense onde xa hai 179 infectados, detectouse un gromo familiar no Barco de Valdeorras con 4 positivos. E En Vilamarín hai outro con 7. A orixe estivo ao parecer nunha celebración familiar na fin de semana. Por precaución, Sanidade restrinxiu as visitas á residencia da localidade.
Ralentízanse os contaxios en Vigo, hai 144 casos, pero aumentan en Santiago a 130.
O gromo máis importante é o que se estendeu entre a mocidade en Melide, onde seguen facendo probas e confirmáronse 16 positivos.
Xurdiu tamén un gromo familiar en Lalín con 6 contaxiados e hai outro en Arzúa, que afecta 8 persoas. Partiu dunha peregrina que deu positivo pero seguiu facendo o Camiño e contaxiou outras 7 persoas. Todos eran de fóra de Galicia e decidiron regresar aos seus fogares para pasar a corentena alí. Unha actitude que os veciños cualificaron de irresponsable.
Ferrol pasou de ter 5 positivos hai 15 días, aos 89 hoxe. E en Pontevedra hai 85 casos activos.
Hospitalizacións e UCI
Aínda que nos sitúa a niveis de abril, a situación é diferente no que respecta a hospitalizacións e ao perfil dos enfermos. Do total de pacientes positivos, 6 están en UCI, 67 en unidades de hospitalización e 1.922 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.737 persoas curadas, rexistrándose 628 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 294.691, 4.200 PCR nun só día, cifra récord.
Relación entre casos activos e ingresos
A nova tendencia na evolución que vimos experimentando dende hai aproximadamente dous meses non é exactamente igual á vivida en marzo ou abril.
Isto non significa, en ningún caso, que a situación está moito mellor e que poidamos relaxar as medidas hixiénicas e de seguridade. Todo o contrario: cómpre ter presente a dimensión do problema sen baixar a garda, sen darlle marxe ao virus para seguir actuando.
Como explicabamos onte:
Con todo, a situación é ben distinta por varias razóns:
— G24 (@G24Noticias) August 20, 2020
Hai máis cribados, o que aumenta o número de casos activos
Moitos son xente nova asintomática ou leve
As hospitalizacións soben a un ritmo menor, non hai colapso sanitario
Máis en
https://t.co/JueLQ54o4e pic.twitter.com/UcXU3R2YyZ
En ampliación.