Morren 200 porcos no incendio dunha granxa en Culleredo
Publicado o 16/04/2020 14:18
O lume declarouse arredor das sete e media da mañá na zona dedicada a incubación e afectou aproximadamente a metade da granxa. Morreron uns douscentos leitóns e unha vintena de porcas, acabadas de parir e a piques de parir, das preto de 300 que hai na granxa. A sufocar o incendio acudiron de contado os bombeiros do parque de Arteixo, que controlaron o incendio en algo máis de media hora.
Arestora trabállase na identificación da causa que desatou as lapas. Á espera dunha análise máis fonda, sospéitase dun posible curtocircuíto na instalación de ventilación das cortes.
A granxa, con máis de corenta anos de existencia, é propiedade dunha familia moi coñecida na contorna de celas, que agora terá que afrontar unha importante perda económica.