CRTVG

Buscar

Morren 14 policías nun ataque coordinado de grupos rebeldes en Myanmar

Publicado o 10/04/2021 12:24
Morren 14 policías nun ataque coordinado de grupos rebeldes en Myanmar

Un ataque de varias guerrillas étnicas no nordeste de Myanmar deixou polo menos 14 policías mortos. No asalto feríronse outros cinco oficiais da Policía e hai dous desaparecidos. Tres grupos rebeldes protagonizaron a violencia a primeira hora da xornada. A finais de marzo lanzaron un ultimato á xunta militar pola represión brutal contra as manifestacións que rexeitan o golpe militar do 1 de febreiro.

Os grupos armados advirten o Exército birmano nun comunicado que se non frea as súas accións violentas contra a poboación e satisfai as súas demandas colaborarán cos disidentes nas protestas da denominada "Revolución da primavera".

Ameazan con anular o seu acordo de cesamento do fogo se continúa a matanza indiscriminada de manifestantes. Polo menos 618 persoas morreron durante a represión contra as protestas por parte das forzas de seguridade. Pero témese que a cifra poida ser maior.

Os militares birmanos xustifican o golpe de Estado por unha suposta fraude nas eleccións de novembro nas que arrasou e revalidou o seu poder o partido liderado por Aung Sang Suu Kyi, detida desde o principio da revolta.