Morre un home en Santiago tras a caída dun muro no parque de Bonaval
Un home duns 80 anos morreu este xoves ao caer un muro no parque de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela, a causa do temporal Elsa. Segundo confirmaron fontes dos bombeiros de Santiago, arredor das 22:00 h recuperouse o corpo do home de debaixo das pedras do muro, que xa foi trasladado por un coche fúnebre.
Ao parecer, o muro caeu arredor das 18:00 h sobre a rúa Costiña do Monte. Continúan os traballos de desentullo, malia que queda descartado que haxa máis feridos. Durante o venres continuarán os labores de reconstrución.
O cadáver foi localizado cando operarios municipais acudiron ao lugar para colaborar nos labores de retirada de entullos, segundo indicaron fontes da Delegación do Goberno. Ao lugar trasladouse unha ambulancia de soporte vital avanzado, pero non se puido facer nada por salvar a vítima.
Unha balsa de auga puido ser a causante do derrubamento do muro. Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros de Santiago de Compostela, axentes da Policía Local e Nacional e efectivos de Protección Civil. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Ciudadá, Gonzalo Muíños, declarou que o muro non estaba en bo estado.
Tamén quedaron soterrados tres vehículos que estaban estacionados na rúa, na parte traseira de Bonaval.