Unha muller falece e outra queda ferida grave nun accidente nos Blancos
Falece unha carteira nos Blancos nun accidente de tráfico. Por causas que se están investigando, o coche que conducía para facer o repartimento saíu da vía e colidiu frontalmente con outro turismo. A condutora deste segundo vehículo quedou ferida de gravidade.
O grave accidente foi contra a unha do mediodía na estrada OU-1112, que une Xinzo con Calvos de Randín, á altura do concello dos Blancos. A condutora do Opel Corsa, carteira, estaba a facer o repartimento de correspondencia cando colidiu con outro turismo. Grazas ás coordenadas que o sistema de xeolocalización dun dos coches enviou tras o impacto, axiña se achegaron os servizos de emerxencia.
A condutora falecida ten 39 anos e levaba cinco días traballando en substitución do carteiro dos Blancos. Ao lugar do sinistro achegáronse compañeiras súas de Correos. Deixa un fillo dun ano.
A outra condutora, de 55 anos e veciña de Taboadela, foi trasladada ao CHUO en helicóptero, o seu estado é grave.