CRTVG

Buscar

Morre unha muller ao ser atropelada por un tren en Catoira

Publicado o 15/04/2021 09:22
Morre unha muller ao ser atropelada por un tren en Catoira

Unha muller faleceu na mañá deste xoves ao ser atropeladas por un tren á altura do paso a nivel da saída da localidade pontevedresa de Catoira, dirección Vilagarcía. Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, o atropelamento mortal sucedeu sobre as 6:30 horas e realizouno un tren que circulaba en dirección a Vilagarcía de Arousa.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso a través do servizo de seguridade do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias de España, que informou dunha persoa alcanzada por un convoi na saída da estación de Catoira.

O tren, que facía o percorrido entre Vigo e A Coruña, levaba 17 persoas, que puideron continuar o camiño cara aos seus destinos en autobús e ningunha delas resultou ferida, indicaron as mesmas fontes. Ademais, por parte de ADIF confirmaron que a circulación na vía férrea foi interrompida ata que as condicións de seguridade quedasen restablecidas.

O 112 Galicia solicitou a intervención de profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Vilagarcía e do GES de Padrón. Tamén se informou aos axentes da Garda Civil e aos membros de Protección Civil da localidade. As forzas da orde abriron unha investigación para aclarar as causas do accidente.