CRTVG

Buscar

Morre unha muller de 56 anos en Valladolid ao ser acoitalada polo seu home

Publicado o 21/06/2021 22:08
Morre unha muller de 56 anos en Valladolid ao ser acoitalada polo seu home

EFE

EFE

Unha muller de 56 anos morreu en Valladolid tras recibir varias puñaladas no tórax. Polo crime foi detido o seu marido como suposto autor, quen tentou lesionarse e foi trasladado a un centro sanitario da cidade, informou a Policía Nacional.

Foi unha chamada efectuada ás 16:42 horas a que alertou de que unha muller sufrira feridas de arma branca causadas polo seu esposo na rúa Montreal da capital valisoletana, explicaron a EFE fontes do Servizo de Emerxencias 112 de Castela e León. Ademais das asistencias sanitarias, ata o lugar do suceso, na urbanización Santa Ana, ao sur de Valladolid, desprazáronse axentes da Policía Científica para investigar o ocorrido, segundo referiron testemuñas presenciais, que detallaron que o lugar no que indagan os policías é unha vivenda unifamiliar.

Na mesma casa, ademais de encontraren con varias puñaladas no tórax a vítima, que foi trasladada en ambulancia ao Hospital Clínico da cidade, os axentes atoparon o suposto autor da agresión, nacido en 1963, con varios cortes producidos ao tentar lesionarse, manifestou a Policía Nacional.

O suposto autor do apuñalamento da súa esposa foi arrestado e trasladado ao Hospital Pío do Río Hortega para recibir asistencia, mentres os axentes seguen investigando os feitos para esclarecer todo o ocorrido.

Finalmente, a muller perdeu a vida despois de que fose conducida ao centro sanitario. O detido non se atopaba no sistema de seguimento integral por casos de violencia de xénero, VIOGEN, concretaron a EFE fontes próximas á investigación. 

Noticias web

21/06/2021