CRTVG

Buscar

Unha muller de 52 anos morre asasinada presuntamente pola súa parella na Coruña

Publicado o 16/09/2021 10:03

• A policía busca o home, con antecedentes por violencia de xénero

Condena unánime das forzas políticas ao crime machista

Foto: EFE/Cabalar

Unha muller de 52 anos morreu asasinada na Coruña presuntamente pola súa parella. Os feitos aconteceron de madrugada na súa vivenda no barrio do Birloque. Varias patrullas da Policía Nacional e unha ambulancia desprazáronse ata o domicilio, pero os sanitarios non puideron facer nada por salvarlle a vida.

Foi un fillo da muller quen a atopou cando chegou ao domicilio. Eran sobre as 2:00 da madrugada. Nese momento chamou á policía para avisar de que acababa de atopar a súa nai sen vida nun cuarto da vivenda, situada na rúa Juan Darriba. 

O fillo xa apuntou nese momento a parella dá súa nai como posible autor do crime, xa que días antes tiveran unha forte discusión. Ao parecer, a parella levaba uns meses de relación.

A vítima, chamada Mónica Ramos, tiña unha panadería no mesmo barrio en que vivía.

A Policía Nacional busca como suposto autor a parella da muller, que tiña antecedentes por violencia de xénero contra outras dúas mulleres. É un home de 48 anos, quen permanece en paradoiro descoñecido. 

Segundo explicou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, reforzáronse os controis para tratar de dar con el. Tamén dixo que a Policía Nacional cre que hai "indicios" de que se trata dun crime de violencia de xénero.

A subdelegada, dixo que o fillo, que atopou á vítima morta "con sinais de arma branca", explicara que en días anteriores tivera "unha forte discusión" co suposto asasino, pero que "non constan denuncias por esa discusión".

Concentración en repulsa

O Concello da Coruña convocou unha concentración silenciosa de cinco minutos en sinal de "repulsa e duelo" ante o presunto asasinato esta madrugada dunha veciña da cidade. A convocatoria celebrouse ás 13:30 horas na praza de María Pita.

Se se confirma que se trata dun crime machista, serían xa 35 as mulleres que morreron asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano en España, a primeira neste ano en Galicia e elevaria a 1.113 as mulleres asasinadas desde xaneiro de 2003.

O teléfono para as vítimas de violencia contra a muller é o 016. É gratuíto e non deixa rastro na factura.

 

Noticias web

16/09/2021