CRTVG

Buscar

Morre unha muller de 44 anos nun accidente de tráfico en Malpica

Publicado o 20/05/2021 23:05
Morre unha muller de 44 anos nun accidente de tráfico en Malpica

Dous mozos feridos e unha muller falecida nun accidente de tráfico en Malpica. Foi nun punto en que a velocidade máxima permitida é a xenérica de 90 quilómetros por hora. Dous coches que circulaban en sentido contrario bateron de fronte ao invadir un deles o outro carril. O estado en que quedou o coche coa condutora dentro fixo necesaria a intervención dos bombeiros.

María Jesús Vilariño Díaz, xefa do Parque de Bombeiros de Carballo, explica que cando chegaron ao lugar había "dous vehículos implicados, nun deles viaxaba unha parella, que cando chegaron xa estaba fóra do coche. No outro había unha muller e o coche estaba coas rodas para riba. As tarefas nosas foron liberar a muller que estaba atrapada. Nese intre aterrou o helicóptero do 061 medicalizado e canda nós coordinamos as tarefas de extracción. Despois monitorizárona para trasladala no helicóptero e aí xa ía perdendo a consciencia. Pero sacámola consciente".

A vítima, Anna Liu, de 44 anos, faleceu poucas horas despois do sinistro. Deixa viúvo e dous fillos, de 8 e 9 anos. A parella que viaxaba no outro outro coche saíu con feridas.

Máis sobre Malpica de Bergantiños