CRTVG

Buscar

Morre unha anciá no incendio dunha residencia de xestión privada en Navas del Rey

Publicado o 09/10/2021 10:10
Morre unha anciá no incendio dunha residencia de xestión privada en Navas del Rey

Unha muller de 83 anos morreu esta mañá no incendio dunha residencia de anciáns de xestión privada no municipio madrileño de Navas del Rey, segundo informou o servizo de emerxencias da Comunidade de Madrid.

O lume declarouse sobre as sete da mañá nun dos cuartos situados no segundo andar do edificio, por causas que investiga a Garda Civil. Catro dotacións de bombeiros interviñeron na extinción do lume, que orixinou moito fume e afectou varias estancias.

No cuarto situado ao carón do lugar onde se iniciou o lume, os bombeiros atoparon a octoxenaria xa sen vida, posiblemente como consecuencia dunha intoxicación por inhalación de fume, e o persoal sanitario só puido confirmar o seu falecemento.

Evacuacións

Os bombeiros evacuaron 35 residentes e unha coidadora que foron trasladados nun primeiro momento a un hotel da localidade. Ninguén tivo que ser trasladado ao hospital.

Protección Civil, Cruz Vermella e o Servizo de Urxencia Médica de Madrid (Summa-112) trasladaron en ambulancias as persoas residentes ao centro de día municipal, de xeito provisional. A residencia, de xestión privada, está situada no número 8 da rúa Sandro Pertini, moi preto da estrada M-501.

Noticias web

09/10/2021