CRTVG

Buscar

Morre un veciño de Mugardos de 85 anos ao caerlle enriba un motocultor nun alpendre

Publicado o 03/03/2021 20:05

Un veciño do municipio de Mugardos (A Coruña) de 85 anos morreu a primeira hora da mañá deste mércores despois de caerlle enriba un motocultor nun alpendre da súa vivenda.

A voz de alarma produciuse sobre as nove da mañá e de inmediato desprazáronse ao lugar efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que localizaron ao home inconsciente, que finalmente faleceu.

Ao lugar tamén acudiron profesionais de GES de Mugardos, Garda Civil e Policía Local de Mugardos, todos eles a requirimento do 112 Galicia.

O incidente produciuse no lugar de San Victorio, na parroquia de Franza, e á zona desprazouse unha comisión xudicial para autorizar o levantamento do cadáver e o seu traslado ao Hospital Naval, onde se lle practicará a autopsia para confirmar a causa do falecemento.