CRTVG

Buscar

Morre un veciño de Boiro ao caerlle unha árbore enriba

Publicado o 18/10/2019 13:30

O accidente produciuse nun piñeiral propiedade da familia da vítima situado no lugar de Vista Alegre. Parece ser que parte da árbore estaba podre e caeulle enrriba, cando ía tirar del e estaba subido nun chimpín de costas ao piñeiro. Golpeouno na cabeza e matouno. Estaba só. Á familia fíxoselle estraño que non volvese á casa e saíu na súa procura. Xa o atoparon morto.

"A mala circunstancia foi que cortou por abaixo a metade e entón el quixo tirar como se ve aí co chicote aquel amarrado ao chimpín e xa non lle deu tempo a poñer a marcha, porque o chimpín estaba encendido, para tirar por el. Xa o piñeiro se lle veu enrriba do chimpín e coa fatalidade de que parteu en catro cachos e un cacho xa lle caeu directamente. A guía, poñamos por caso, ao partir a guía xa lle caeu a el enriba da cabeza", di Ramón Tubío, sobriño do falecido. 

Este é o chimpín que levou ao piñeiral. Aínda o atoparon encendido. Nel pódese ver a pegada do golpe que deixou a árbore neste ferro dobrado. Era un home moi activo e, a pesar da súa avanzada idade, mantíñase ocupado nas tarefas agrícolas para a casa.

"Se te colle desprevido e non tes reacción a apartalo. Porque vese que el non fixo reacción ningunha. Nin de poñer a marcha para tirar. Así que foi inmediato, instantáneo. Aínda estaba na postura de conducir non? Exactamente estaba na postura de conducir, de meter a marcha e todo", explica o sobriño.

Ata o lugar foi a o xuíz de garda e a Garda Civil para facer o levantamento do cadáver, ao que se lle vai practicar a autopsia. Está previsto que o seu corpo chegue para o velorio esta tarde as catro. Marcelino Sánchez era moi coñecido na zona por ser o pai do cura de Lampón e tamén porque fora traballador de Fenosa e durante anos percorreu as vivendas do municipio reparando avarías e cobrando os recibos.

Noticias web

18/10/2019