Morre tras recibir un golpe cando realizaba traballos de corta de árbores en Campo Lameiro
En Campo Lameiro, un home de 59 anos morreu este mediodía mentres traballaba na corta de eucaliptos. O falecido é un dos donos dunha empresa madeireira da zona. No momento do accidente, o home estaba no mato traballando con outros empregados. Ao parecer, un eucalipto de grandes dimensións bateu contra el cando caía. O home faleceu no mesmo lugar.
Jesús Ferrón morreu cortando un dos eucaliptos máis grandes dos que quedaban en pé neste mato de Campo Lameiro. Segundo as testemuñas, a árbore bateu contra el na caída.
"Eu o que sei é que un eucalipto debeu esvarar e deulle no peito e afundiullo", comenta Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro.
"A min díxome o traballador que estaba con el que viu vir o pau, que apartou e esvarou e o pau golpeouno e quedou no sitio. O pau non o esmagou, bateuno polo aire", di Antonio Barros, compadre do falecido.
O falecido tiña 59 anos e levaba dende os 14 cortando madeira na empresa familiar. Dende que faleceu o pai, rexentaba a empresa xunto cun irmán. Todos os que o coñecen din que era bo traballador e moi experimentado.
"Se alguén tiña experiencia era esta familia, xa o pai era madeireiro e traballaba para o pai toda a vida", di o alcalde.
"Eu teño estado con el e velo cortar en sitios máis perigosos ca este e dicir el que a árbore cae para aí e a árbore caía para onde dicía el sempre", lembra o compadre do falecido.
Esta morte deixa unha gran consternación en Campo Lameiro e en especial na aldea de Praderrei, de onde era natural o falecido.