CRTVG

Buscar

Morre un terceiro usuario da residencia de Outeiro de Rei

Publicado o 10/09/2020 20:02
Morre un terceiro usuario da residencia de Outeiro de Rei

Unha persoa usuaria da residencia de Outeiro de Rei (Lugo) e infectada por coronavirus faleceu este xoves, segundo informou Política Social. Polo tanto, xa son tres as vítimas da pandemia asociadas a este centro, que se atopa intervido pola Xunta, como o do Incio.

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que, segundo as recomendacións do Comité Clínico que asesora o Goberno autonómico, realizaranse “cribados constantes”, cada quince días, en residencias de maiores e naquelas que atenden discapacitados, tras a primeira reunión ordinaria do Goberno galego.

Tamén faleceu un home de 73 anos, usuario da Unidade do Maior do Hospital privado Polusa de Lugo, onde hai un gromo con 18 casos. 

En total, agora mesmo nas residencias da terceira idade de Galicia hai 330 casos activos de coronavirus: 248 son maiores e 82 traballadores deses centros. Sanidade comunica que nas últimas 24 horas non houbo contaxios novos nin na residencia do Incio nin da de Outeiro de Rei, as que teñen o maior número de casos de toda Galicia.

 

Noticias web

10/09/2020