Morre un surfista nunha praia de Porto do Son
Publicado o 18/05/2019 21:16
Os amigos da vítima perdéranlle a pista mentres practicaban surf no areal do Castro de Baroña, no municipio de Porto do Son. Topárono inconsciente un pouco máis ao sur, na praia do Dique. O persoal sanitario que se desprazou ata o lugar tentou reanimalo pero só puido confirmar o seu falecemento. Tiña 37 anos.
O 112 recibiu o aviso despois da unha e media da tarde. No seu relato telefónico, un particular aseguraba que había un corpo aboiando na auga. De seguido, alertou á Garda Civil, Salvamento Marítimo, Gardacostas, Policía Local e Protección civil. No operativo tamén participou o helicóptero medicalizado con base en Ourense que, finalmente, non chegou a intervir.