Morre un operario en Lalín ao inhalar un produto para anestesiar animais cando arranxaba un ascensor
O traballador falecido, Adrián Ferreiroa Gutiérrez, estaba a reparar un montacargas nun matadoiro de porcino situado no polígono industrial de Botos, en Lalín, onte á tarde.
Ao parecer, o elevador baixou, accidentalmente, ata un espazo onde se produciu a intoxicación. Esta debeuse á inhalación do gas anestésico que se utiliza para adormentar os animais para sacrificalos.
Ao lugar do accidente acudiron efectivos de urxencias, incluído persoal sanitario desprazado en helicóptero medicalizado. Pese aos esforzos do persoal sanitario, informa o 112, non puideron facer nada por salvar a vida do mozo.
Adrián, veciño de Lalín duns trinta anos, era operario desta cerrallería situada no mesmo polígono industrial e que esta mañá estaba pechada. Coma onte, el acudía habitualmente a realizar tarefas de mantemento ao matadoiro, polo que era moi coñecido entre o persoal da empresa cárnica.
Aquí rexeitaron facilitarnos calquera información sobre o suceso. A Policía Xudicial da Garda Civil leva as pescudas para determinar a causa e circunstancias da morte do traballador.