Morre un octoxenario en Ribadeo atrapado baixo o seu tractor
Un home de 84 anos morreu nun accidente co seu tractor. Sucedeu na parroquia ribadense de Arante, á beira mesmo da casa da vítima. Cando o octoxenario estaba a tratar de cortar a póla dunha figueira, o vehículo atrapouno e esmagoulle o peito.
Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros: "O tractor non estaba envorcado. Posiblemente foi un atrapamento polo propio vehículo. Nin estaba envorcado o tractor nin tiña lesións maiores".
Foi a propia muller do octoxenario quen atopou o cadáver e quen deu aviso aos servizos de emerxencias. Ademais dos bombeiros de Barreiros, presentáronse no lugar os axentes dos diferentes corpos policiais e unha dotación de sanitarios, que certificaron o falecemento da vítima.
Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros: "A zona era de difícil acceso. O falecido estaba nun regato e encima o tractor, nunha zona complicada para a súa extracción. O que se fixo foi, principalmente, levantar o vehículo para movelo o mínimo posible".
Por considerarse un accidente laboral, é preceptivo que ao cadáver se lle practique a autopsia.