Morre un home de 85 anos ao envorcar o tractor que conducía en Cambados
O accidente produciuse sobre as 20:24 horas nunha travesía do río Umia, nas proximidades da ponte de Castrelo, cando unha roda do tractor saíu do camiño e o vehículo envorcou.
O home, duns 85 anos, quedou atrapado baixo o vehículo nunha zona con auga e lodo acumulada, segundo informaron fontes dos Bombeiros de Ribadumia. Cando os efectivos do servizo de extinción de incendios chegaron ao lugar, o home xa falecera; daquela, unicamente puideron colaborar nos labores de rescate do corpo. Ao lugar tamén se trasladaron efectivos de Protección Civil de Cambados e axentes da Policía Local e da Garda Civil de Cambados. Igualmente, acudiron sanitarios dunha ambulancia do 061.
Todo apunta a que o home circulaba á tardiña no seu tractor polo sendeiro do Umia camiño dalgunha plantación para sulfatar. Levaba o arco de protección antienvorcamento da máquna pregado cando saíu da vía neste punto e caeu á xunqueira.
Iván Marín, responsable do Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados: "Ás oito e cuarto da tarde avisounos o 112 do accidente dun tractor envorcado con persoa atrapada. Cando chegamos, igual que os compañeiros Bombeiros do Salnés comprobamos que estaba atrapada. Liberamos o falecido ata que chegaran os médicos do 061.
Descoñécese a causa pola que o tractor saíu da vía. Unha das posilidades é que o sol, que a esa hora dá case horizontal, cegara o condutor momentaneamente, pero o suficiente como para que o vehículo fose polo pequeno desnivel nun percance mortal.