Morre un home ao envorcar o seu tractor na parroquia de Aríns, en Santiago
O accidente ocorreu nun mato da parroquia de Aríns, en Santiago. O home acababa de cargar un remolque de leña e abandonaba a leira. Cando estaba xa á beira do camiño o remolque envorcou e caeulle enriba.
"Chamáronnos do 112 sobre as 11:35 da mañá, dicindo que había un falecido atrapado no seu vehículo no lugar do vehículo. Nós o que fixemos foi levantar o remolque do tractor que estaba sobre a zona femoral do señor, baleirar a leña e levantar o remolque", di Jose Manuel Couselo Becerra, dos Bombeiros de Santiago.
Polo de agora aínda non están claras as causas do accidente. Non se sabe como puido envorcar o vehículo nun lugar de tan pouca pendente.
"Realmente o monte tiña pendente pero tampouco moita. Era como un camiño. As causas do accidente descoñézoas. Sábese que estaba contra un coche, pero o coche debía estar aparcado", engade Jose Manuel Couselo Becerra, dos Bombeiros de Santiago.
Non hai ningunha estatística oficial sobre o número total de persoas que morren en accidentes de tractor. Pero calcúlase que en Galicia son unhas 15 por ano. O 95% das vítimas son xubilados e as súas mortes non constan como accidente laboral. En todo caso, as mortes no tractor repítense con demasiada frecuencia. Tanto os sindicatos agrarios como a propia Xunta desenvolven periodicamente campañas para reducir esta sinistralidade.