CRTVG

Buscar

Morre un dos operarios feridos pola explosión rexistrada nunha fábrica de taboleiros de Lugo

Publicado o 27/05/2019 13:57

Un accidente laboral rexistrado na factoría que Tableros Hispanos ten en Nadela, en Lugo, deixou un traballador falecido e outro ferido de gravidade. Ao parecer, nun primeiro momento rexistrouse un incendio no interior dun dos silos de serraduras que hai na factoría e os bombeiros acudiron á planta e controlaron as lapas. Foi horas máis tarde, cando presuntamente dous traballadores abriron o silo para limpalo, cando foron alcanzados por unha bufarada de lume. Arderon varios silos e un deles explotou, o que alertou os veciños da zona.

Un veciño conta como o viviu: "Estaba aí e sentín unha explosión. Pensei que fora un guindastre que caera e seguín ao meu ata que sentín os bombeiros e baixei ata a fábrica e vin os bombeiros enfriando a zona".

Os dous homes feridos foron trasladados ata a unidade de queimados do Hospital da Coruña, onde un deles faleceu ás poucas horas. A vítima é un home de 52 anos natural de Samos e que residía en Lugo. Pola súa banda, a persoa ferida é un home de 40 anos que permanece ingresado. Segundo o último parte médico, está estable, pero o seu prognóstico é grave.

Outra veciña conta: "Arderon uns silos de serraduras e un explotou e houbo varios feridos, dous deles graves. Leváronos para o Hula e despois trasladáronos para A Coruña, á unidade de queimados, pero un deles faleceu".

Ata o lugar do suceso desprazouse tamén a Policía Nacional, que iniciou unha investigación para esclarecer os feitos.

Noticias web

27/05/2019