CRTVG

Buscar

Morre un bombeiro no incendio forestal de Sierra Bermeja que leva xa queimadas máis de 2.200 hectáreas

Publicado o 10/09/2021 09:16

Segue sen control o incendio que está arrasando Sierra Bermeja, en Málaga, e que xa leva queimadas máis de 2.200 hectáreas. Un bombeiro de 44 anos faleceu cando participaba nos labores de extinción. Máis de mil persoas tiveron que ser desaloxadas. 

O forte vento está dificultando os labores de extinción, especialmente no termo municipal de Jubrique. Foi neste municipio onde falecía onte á tarde o bombeiro, natural de Almería, que se trasladara á provincia malagueña para loitar contra o lume. A súa morte confirmábaa a conselleira andaluza de Agricultura.

O presidente do Goberno manifestaba o seu pésame por esta morte en Twitter e salientaba a entrega, a dedicación e o valor dos bombeiros. Tamén o presidente da Xunta de Andalucía trasmitía o pésame polo falecemento á familia e tamén aos compañeiros do Plan Infoca ao que pertencía.

Máis de 400 persoas traballan contra un incendio que comezaba a noite do mércores e se sospeita que foi provocado. Con refachos de ata 50 quilómetros por hora, os efectivos concéntranse no flanco esquerdo da serra e tratan de evitar que as lapas cheguen e superen a devasa que protexe unha importante masa forestal no termo municipal de Benahavís. Nesta localidade, e tamén en Estepona, vivíanse nas últimas horas momentos de tensión pola proximidade do lume. Máis de mil persoas foron desaloxadas como medida de prevención.

En toda a provincia de Málaga segue activado o nivel 1 do Plan de Emerxencias do Infoca. Preocupa especialmente que o lume chegue á paisaxe natural de Los Reales, un dos últimos redutos do pinsapo ou abeto español, unha conífera mediterránea autóctona do lugar.

Noticias web

10/09/2021