CRTVG

Buscar

Morre o expresidente de Portugal Jorge Sampaio aos 81 anos

Publicado o 10/09/2021 10:44
Morre o expresidente de Portugal Jorge Sampaio aos 81 anos
EFE

O expresidente de Portugal Jorge Sampaio, que desempeñou varios altos cargos políticos nos primeiros anos da democracia lusa e dedicou os seus últimos anos ao apoio a refuxiados sirios, morreu este venres nun hospital de Lisboa aos 81 anos.

O deceso, confirmado a medios locais pola súa contorna, chega dúas semanas despois de que fose ingresado nun centro hospitalario da capital lusa por problemas respiratorios que se sumaban a varias doenzas cardíacas coas que convivía desde había anos.

Sampaio naceu en Lisboa o 18 de setembro 1939 e foi presidente de Portugal entre 1996 e 2006, cume dunha carreira política que comezou nos primeiros anos da democracia portuguesa, nos 70, e que o levou a ser presidente do Partido Socialista en 1989, ano en que ademais se converteu en alcalde de Lisboa.

En 1996 gañou as eleccións presidenciais en primeira volta contra o conservador Aníbal Cavaco Silva (que acabaría sendo xefe do Estado en 2006) e foi reelixido para un segundo mandato de cinco anos en 2001.

Tras pasar pola xefatura de Estado, foi enviado especial de Nacións Unidas para a Loita contra a Tuberculose e alto representante da mesma organización para a Alianza das Civilizacións.

Nos últimos anos dedicouse á Plataforma Global para os Estudantes Sirios, que fundou en 2013 e aínda presidía, para axudar mozos sirios a retomaren os seus estudos tras abandonaren o seu país pola guerra.

Noticias web

10/09/2021