Morre o ex-futbolista Michael Robinson
O ex-futbolista Michael Robinson (Leicester, Inglaterra, 1958) morreu esta mañá despois dunha longa loita contra o cancro que mantiña desde outubro de 2018. Contra as 9.25 horas desta mañá, publicaban este chío desde a súa conta oficial de Twitter:
Con tremenda tristeza os comunicamos el fallecimiento de Michael. Nos deja un gran vacío, pero también innumerables recuerdos, llenos del mismo amor que le habéis demostrado. Os estaremos eternamente agradecidos por haber hecho a este hombre TAN FELIZ, nunca caminó solo. Gracias
— Michael Robinson (@michaelrobinson) April 28, 2020
Durante a súa carreira como futbolista desempeñou a posición de dianteiro centro. O seu debut profesional fíxoo no Preston North End con 17 anos, pero o equipo no que destacou foi o Liverpool, onde gañaría un triplete (Liga, Copa da Liga e Champions) na temporada 1984-84.
Robinson rematou a súa carreira en España, nas filas do C.A. Osasuna. Con só 30, unha lesión no xeonllo acelerou a súa retirada como futbolista.
Pero a figura de Michael Robinson transcendeu alén do balón. O dianteiro converteuse nun querido e recoñecido comentarista e colaborador de varios programas deportivos, tarefa que levaba desenvolvendo desde a década dos 90. O seu marcado acento británico (que o acompañou por moitos anos que viviu en España), a súa particular maneira de entender o fútbol e, sobre todo, o seu sentido do humor fixeron de Robinson un dos narradores máis recoñecidos do panorama futbolístico.
O seu labor xornalístico foi recoñecido con dous Premios Ondas e cun Premio Internacional Vázquez Montalbán.
Desde os 90 foi compañeiro do xornalista Carlos Martínez en Canal +. As retransmisións futbolísticas dos últimos 30 anos en España non se entenden sen esta parella de comentaristas.
You’ll never walk alone. Siempre estarás conmigo pic.twitter.com/AErj2UYCSu
— Carlos Martínez (@carlosplus) April 28, 2020
Robinson deixou no fútbol o seu acento particular que estará vinculado a este deporte por sempre. En centos de ocasións escoitou o ruxir e Anfield cantándolle o Nunca camiñarás só. Agora, todo o mundo do deporte llo canta ao unísono.
You'll never walk alone, Michael. Alí onde esteas.